martes, 22 de agosto de 2023

TORTA DE SANTIAGO

Rematamos o noso Camiño Francés e chegamos a Santiago de Compostela, capital de Galicia e culminación desta ruta de peregrinación.

Nesta fermosa cidade os peregrinos e peregrinas terán por fin a ocasión de visitar a marabillosa Catedral de Santiago, onde poderán contemplar o Pórtico da Gloria ou trasladar ao Apóstolo os seus desexos e peticións.

Despois de tanto esforzo por conseguir a Compostela é hora dun merecido descanso, e que mellor que unha torta de Santiago ben fresquiña para rematar o día.

Esta torta trátase dun manxar típico de sobremesa que ten como ingredientes principais a améndoa e os ovos. As primeiras noticias que se coñecen da súa receita remóntanse a 1577, durante a visita de Dom Pedro de Porto Carrero á Universidade de Santiago de Compostela, onde lle serviron unha Torta Real (actualmente coñecida como torta de Santiago). A Cruz de Santiago gravada na parte superior da torta comezou a colocarse no ano 1924.


E así rematamos este proxecto compartindo con todos e todas a receita máis esperada durante todo o Camiño de Santiago Francés.

Moitas grazas por seguirnos neste proxecto e por disfrutar con nós dos mellores e máis coñecidos doces de Galicia.



martes, 8 de agosto de 2023

TORTA DA AVOA

De todas as sobremesas que podemos atopar en Galicia hai unha que seguro coñecedes: a torta da avoa.

A nosa seguinte parada no Camiño de Santiago Francés é en Palas de Rei, zona de descanso obrigada para os peregrinos según o Códice Calixtino, a tan só 68 km de Santiago de Compostela, que conta con un extenso patrimonio arqueolóxico e arquitectónico como Castelo de Pambre, Pazo de Ulloa ou a Igrexa de Vilar de Donas.

A súa gastronomía tradicional galega sorprende polo seu gran sabor en produtos da terra. E de tradicións queremos falar con esa torta tan boa e sinxela que facían as nosas avoas na casa.

Aínda que as receitas poden variar segundo as tradicións familiares, os ingredientes básicos son comúns e case sempre están dispoñibles na nosa cociña: galletas, chocolate e cremas. É unha receita laboriosa pero paga a pena o traballo para disfrutar do seu sabor delicioso.

De seguido podedes ver a nosa versión desta torta tan coñecida: